Mirabamos todas, postas de puntas tras da fiestra, para Sor Elvira Lecumberri subir cara o Polar, o colexio, pola corredoira pina que tiraba desde Agromos, o lugar. Sor Elvira Lecumberri, dicimos, aínda que da última vez que a víramos xa non era Sor: saíra de monxa, deixara Polar, para casar no século. Aló subía con aqueles andares que sempre lle admiráramos, pode ser que algo máis encollida do que estábamos afeitas, ela que era unha muller tan tan alta. Podía ser, podía non ser: xa estaba a se facer noite e custábanos poñernos de puntas, saciadas como estabamos despois da enchenta que sempre se facía en Polar o día antes de empezarmos o curso (porque Sor Dolor, a superiora, era anglófila, e ben que lle gustaban aquelas cerimonias todas: a nós tamén, pero doutro xeito). Fora aquel o segundo ano que non sentara Sor Elvira Lecumberri no medio de nós: pero, matinabamos agora na fiestra, era obvio que un terceiro ano sen ela xa non ía haber. (Na escuridade, a forza de mirar, distinguimos que levaba un chapeu, dos que levaban as señoritas, as nosas irmás máis vellas, por darlle un exemplo, pero non lle dabamos visto se debaixo levaba cofia, e isto aínda que algunha de nós ben teimaba por ver e case sacaba medio corpo da fiestra para fóra: aínda éramos novas e facíamos aquelas cousas; así era daquela o facer de Polar).

Díxonos para o outro día Sor Mártara a Nova cando nos dictaba os horarios: Terceira hora, costura. Preguntamos: Costura? Contestou ela: Iso dixen. Andan vostedes xordas ou que: a ver se lle vou ter que dicir a Sor Priscila que non veña xa máis. (Sor Priscila era unha monxa guapísima que non vivía en Polar: vivía na Coruña cos pais, e unha ou dúas veces ao mes viña tocar o órgano e ensaiarnos. Que faría en Coruña cando non estaba con nós, non lle sabemos). Copiamos, logo, coa man que xa non podiamos nin aguantar o lapis dereito: Costura. Costura, por explicarlle a vostede, era o que ensinaba Sor Elvira Lecumberri cando aínda era monxa: facíanos poñer en parellas, nunca as mesmas, tomarnos as medidas as unhas ás outras, cortarnos a roupa sobre o corpo mesmo: e non eran estas tampouco prendas que puidésemos levar en Polar (só se podía levar o uniforme, o camisón ou nada) nin nas nosas casas, pero colgábamolas nos armarios e aló as tiñamos coma un tesouro; estabamos na idade. O último día de dous cursos para atrás, chegara Sor Elvira Lecumberri e anunciara na aula principal diante de todas que saía de monxa para casar. Case esperabamos que quitase a cofia aló diante nosa, con fruición, pero non o fixo, e menos mal, que axiña nos demos conta de que aquel era un desexo que só podería ter unha cabeza aínda sen formar de todo. Para o curso que seguiu, decidírase que as clases de coser as dese Sor Mártara a Vella, pero non resultou, porque Sor Mártara a Vella chegaba e mandábanos coller puntos como se fose aquilo calcetar. Non pasara nin un mes cando dixo Sor Dolor que se substituían as clases de costura por unha hora máis de aire libre: e así foi. Foi daquela tamén que se soubera con algo de máis fundamento en Polar con quen casara Elvira Lecumberri: fora co director dun xornal, e era este un xornal que algunhas de nós coñeciámonos das nosas casas, porque o empezaran a traer os nosos irmáns máis vellos – os que andaban a estudar para cousas como Notarías, Comercio, Piloto e logo no tempo de leisure escribían poemas – e, cando o traían, os papás rosmaban e dicían: a ver que trapallada traes; moito vos gusta aos mozos facer o que pensades que non queremos que fagades (as mamás non dicían nada, porque andaban a outras cousas). Logo, cando se aburrían, acababan os papás por coller o xornal e lelo. Entón dicían:  Vouvos dicir unha cousa: que a ver se isto do FAX-CIS-MO vai ter o seu aquel. Dicíano así: ben sabiamos algunhas que os papás tan torpes non eran, pero pronunciábano daquel xeito para facer ver que a eles estas modernidades algo vellos os collían xa. A nós, en troques, o FAX-CIS-MO collíanos novas de máis, e sen querer saber se o mundo (non do presente, senón o que ía vir dentro de pouco: o dos nosos irmáns) había ser para nós. Nós estabamos a outras cousas. De tanto oír, porén, o señor aquel convertérase para algunhas de nós nun household name: un señor que de poeta virara en director de xornal: se iso se podía, todo se podía, matinabamos, ou ía poderse axiña. (Mesmo unha rapaza ía poder virar en director de xornal, pensabamos algunhas; outra dicían que nunca tal). Aquel ano anterior, cando volvéramos á casa polo Nadal, algunhas de nós déramos en ler o xornal aquel cando cadraba que os papás ou os irmáns o mercaban. Liamos só para ver se saía o nome de Sor Elvira Lecumberri (agora só Elvira Lecumberri), e algunha vez si: dúas, e as dúas por facer obras de caridade, que era unha cousa que tamén faciamos nós e as mamás. Coincidir niso deixáranos decepcionadas, pero diciamos para dentro: unha vez que se sae ao mundo, haberá que facer de todo. Matinabamos tamén que ás rapazas aquelas ás que lles facía caridade nunca lles diría de medir, de cortar a roupa sobre o propio corpo. Enténdanos ben: nós oiamos do faxcismo como oiamos de tantas outras cousas: vacinas, catastros, confeccións: cousas dos papás, dos irmáns tamén, as que os tiñan. Non nos escapaba, porén, o repoludos e ben guapos que se puxeran algúns dos papás co faxcismo, como se fose a segunda mocidade: peiteaban o pelo para atrás, barbeábanse con tino, mercaban traxes novos. Máis dunha e de dúas ben máis novas ca eles quedábanlles a mirar polas rúas; a nós, se iamos con eles, algo celosas nos poñían tamén aquelas outras mulleres. O mundo vai cambiar, dicían nosos irmáns máis vellos para explicalo: pero os irmáns máis vellos dicían tantas cousas (e moitas, xusto, de cambiar o mundo ou de non cambialo) que non lles faciamos tampouco moito caso.

De volta do Nadal, algo de todo isto leváramos para Polar, pero foi con tanto disimulo que case quedou en nada, porque, de todo o que fose faxcismo, as monxas non querían nin oír falar. Unha vez, anos antes, case lles pecharan o colexio por culpa do fax-cismo e desde entón gardábanse ben. Viñera daquela unha inspectora, ben altiva, ben cinchada cun abrigo escuro que marcaba a cintura. Éramos daquela aínda todas novas e xuntábamonos detrás das portas entreabertas para vela pasar: como ía falar con Sor Dolor, con Sor Mártara a Nova, e mesmo coas que en Polar pouco mandaban: Sor Mártara a Vella, Sor O’Malley, Sor Chinta, Sor Radegunda. Cando ía a inspectora falar con esta última, a Sor Dolor, a Sor Mártara a Nova, poñíanselles grandes os ollos de horror. Sor Radegunda, aínda que estaba paralizada de cintura para abaixo e case todo o tempo o pasaba na celda, estudara de noviña en Hildesheim e gustaba de todo o que cheirase a Alemaña: revistas, linguas antigas, música antiga, mesmo se a nós do que nos daba clase era de matemáticas. Foi a inspectora pola celda de Sor Radegunda, logo, e díxolle de ver as revistas: viunas e nada nos dixera de importancia, pero Sor Dolor, Sor Mártara a Nova, espantaran e dixeran: Aquí en Polar, pola porta adiante, estas cousas non entran máis. Polo menos no que se ve.  Nós, coitadas monxas que somos, só podemos coidarnos das cousas que se ven; do demais, xa se coidará cada un ou cada unha. Quedara entón prohibido, non o faxcismo, porque non había que nomealo, senón, en xeral, moitas cousas que viñesen do século (unhas si e outras non: non había tampouco unha regra fixa, e naquilo demostraron as monxas, por unha vez, tino e intelixencia). E así, cando fora o de Sor Elvira Lecumberri, as monxas nada dixeran, nin para arriba nin para abaixo: só unha vez que lle tiramos algo da lingua a Sor Mártara a Vella, no tempo que aínda daba clases de costura por substituír á outra, dixo: “Cousas así pasan sempre en todos os conventos. Que lle queren: está na idade esa Elvira Lecumberri”.

Na primeira clase de costura do curso que comezaba, fixemos todas por chamar moito a Sor Elvira Lecumberri para que nos axudase con isto, con aquilo (antes case nunca a chamabamos, porque explicaba tan ben as cousas ao comezo da clase que entendiamos á primeira). Todas as veces faciamos por chamala así: Sor Elvira Lecumberri. Xa víramos que volvera con cofia, pero. Sor Elvira Lecumberri isto, Sor Elvira Lecumberri aquilo; axúdeme con este pespunte, faga o favor, Sor Elvira Lecumberri. Ela todo o facía: non cun sorriso, pero é porque xa antes ben pouco sorría (en Polar só sorrían as monxas máis vellas). Daquel facer concluímos que era outra vez monxa: virara así na primeira persoa que coñeciamos na carne que estivera casada e agora xa non. Cando baixabamos a Agromos os domingos despois da misa, mercabamos o xornal aquel (cando chegaba) por ver se dabamos sabido algo máis do home aquel co que estivera casada Sor Elvira Lecumberri: queriamos ver quen era, como era, se Sor Elvira Lecumberri tamén lle tería cortado a roupa enriba da pel como nos mandaba a nós. No xornal non saía nunca nada del, non sendo o nome impreso debaixo da cabeceira: normal, pero servía para dármonos conta de que o señor aquel existir existía. Ao pouco chegou o San Martiño, e foi aquel o primeiro ano, tamén o derradeiro, que en Polar se fixo matanza. Mandáralle Sor Dolor a Sor O’Malley criar un bácoro por fóra da cociña e Sor O’Malley, que era muda e irlandesa, criárao ben e dera non se encariñado, pero logo o día da matanza, sendo Sor O’Malley inexperta, púxose todo perdido e clamou Sor Dolor: Máis disto xa non; claro que non. Para o San Martiño xa cansáramos de mercar o xornal e queriamos saber máis de todo: do señor, da vida conxugal que tiña con Sor Elvira Lecumberri; queriamos ver tamén por que Sor Elvira Lecumberri marchara de canda nós e agora volvía. Queriamos pensar que Sor Elvira Lecumberri voltara por nós, porque, igual ca nós, botaba de menos as clases de costura.

As primeiras semanas estudabamos a Sor Elvira Lecumberri no dining hall e criamos ver que as outras monxas a trataban diferente: con admiración, con algo de condescendencia tamén. Sor Elvira Lecumberri estaba seria e pálida (porque antes tiña un ton de caramelo, tanned, que dicía Sor Dolor, a anglófila; esa cor perdeuna e nunca a recuperou, non sabemos se no matrimonio, se antes ou se despois). Calada non, porque na mesa falar falaba e tamén lle falaban as demais; de que, non sabemos: sempre fora un misterio de que falaban as monxas entre elas, pero queriamos ver que Sor Mártara a Nova lle falaba a Sor Elvira Lecumberri cun aquel de condescendencia, como cando nos dicía a nós ao volvermos o sábado de nos bañar na poza: Isto que querían facer, de bañarse na poza vostedes sóas sen levar os pololos, non o deron feito. Non o van facer e non o deron feito, e por que? Porque non é así, porque non se pode. Espiabamos logo a Sor Elvira Lecumberri fóra da mesa: tomabamos notas do que facía; viamos que baixaba soa a Agromos, que subía, a horas que non eran moi aló (pero saber non sabiamos tampouco como facía antes de marchar, así que). Seguimos anotando; pouco aprendemos. Foi entón cando se nos formou dentro a todas o pensamento de que algo máis tiñamos que facer, algo máis tiñamos que nos esforzar, se queriamos saber algo que pagase a pena sobre Sor Elvira Lecumberri. Pasamos uns días máis a pensar, e decidimos que, para achegármonos a ela, tiñamos que mandar unha soa de nós cunha misión: desde o día que entráramos en Polar, sempre todo o fixéramos xuntas, pero xa empezabamos a entender que algunhas cousas mellor facelas de unha en unha. Despois de pensar algo máis, escollemos unha de nós, á que chamaremos Imogen.  O nome da rapaza – non fará falta que lle digamos – non era de verdade Imogen, pero era polo estilo, e a misión de Imogen era esta: averiguar aquelas cousas todas que queriamos saber da propia boca, do propio corpo, de Sor Elvira Lecumberri.

(Que como era Imogen de cara e de corpo? Debe crernos se lle dicimos que pouco nos lembramos diso: do que nos lembramos, é, por suposto, das cousas que importan. Cando pasou tempo, algunhas de entre nós deron en dicir: Esa Imogen xa sabiamos nós que non. E dicían tamén que Imogen era unha mulier nova que non levaba no colexio tantos anos como levabamos as demais. Pero todo isto foi a posteriori; non lle imos dicir tampouco que tivésemos unha clarividencia que, a aquela idade, non nos correspondía).

Mandamos, logo, a Imogen coa misión; xa era o tempo da Inmaculada e facía ben de frío: había xa tempo que non nos deixaban as monxas ir bañarnos á poza que había ao pé do monte collendo en dirección contraria a Agromos. Dixémoslle a Imogen que ela tiña, primeiro de todo, que sentar con, estar preto de Sor Elvira Lecumberri: igual ca unha sobriña. Da Inmaculada ao solsticio non logo pasou case nada: viamos a Imogen achegarse a Sor Elvira Lecumberri, sobre todo no dining hall; semellábanos que estaba a facer todo o que lle dixéramos, pero aínda non esperabamos nada: a aquelas cousas había que darlles tempo. Isto logo nolo repetía tamén Imogen polas noites no dormitorio se algunha vez mostrabamos máis ansiedade da que tocaba. Chegaron logo as vacacións de Nadal; algo de mágoa si que nos deu, pero igual que nos daba sempre: case non nos afixéramos a Polar despois do verán e xa había que deixalo atrás: sempre en Nadal, case sempre tamén en Semana Santa, menos cando cadraba que marchaban os pais dalgunha a Roma ou Florencia pasar o domingo de Pascua e deixábana quedar no colexio. Daquela vez, porén, non quedou ningunha, e nas casas, soas como estabamos sempre, demos en pensar: e que andará a facer xusto agora Sor Elvira Lecumberri? E que andará a facer: picábanos dentro, en silencio, a pregunta aquela: algunha vez chegamos a poñer a pluma enriba do papel para ver de escribirlle a Imogen e que nos contase, pero ao pouco decidimos cada unha que mellor que non. (Todo, por separado: nas vacacións preferiamos non falarmos moito as unhas coas outras, menos cando por casualidade nos atopabamos entrando ou saíndo de misas, que aquela época do ano era sempre de ir a moitas misas; mesmo entón nada máis que nos diciamos ola, adeus, boa noite, boas festas).

O día que volvemos a Polar, catro de entre nós xuraron que viran a Sor Elvira Lecumberri nas festas (unha na Coruña, dúas en Vigo, unha en Betanzos) e sempre naquelas visións Sor Elvira Lecumberri levaba pantalón e non levaba cofia. Aínda antes de rematar o primeiro almorzo despois da volta concluímos que todo aquilo non quería dicir nada: todas aquelas coincidencias non podían ser outra cousa que os restos de alucinacións que nos viñan cando estabamos soas. Volvemos entón ás nosas tarefas, cos ósos aínda doéndonos da viaxe no Castromil, e seguimos polo segundo term adiante a mirar para Imogen. Imogen, mentres as outras rapazas contaban na mesa das súas visións, quedara mirando, sorrindo de esguello. E logo que?, preguntámoslle. Que? E non sabes que diante das monxas non se pode, non se debe sorrir: iso sabémolo todas desde o día que entramos polo portón adiante. Ela dixo: Pero eu non son coma vós: ando on a mission: xa vos esqueceu? Xiramos  entón a cabeza, vimos na mesa das monxas a Sor Elvira Lecumberri empuxar con delicadeza un biscoito ata o padal mesmo: suspiramos todas á vez, pero é tamén que o primeiro, o segundo día de volver a Polar andabamos sempre ben sensibles. Logo tocou o timbre e fomos para as clases: Sor Chinta, Sor Dolor, Sor Mártara a Nova, Sor Mariacamilla. Aprender non aprendiamos moito en Polar, era verdade, pero só a un estranxeiro ou a unha persoa que non nos entendese se lle ocorrería pensar que estabamos aló para aprender: estabamos para estar en Polar as unhas coas outras.

Pasados os primeiros días de despoi do Nadal, sorprendémonos de ver unha mañá no almorzo a Imogen se xuntar máis do que tocaba con Sor Elvira Lecumberri no dining hall, e logo, para o día seguinte e para o outro, igual. Ti mira ben o que fas, diciámoslle despois a Imogen no dormitorio de todas, con ela sentada enriba da cama coas pernas ao estilo indio, cepillando a cabeleira. Nós non che imos dicir nada, pero se che deixamos ir será tamén para que nos contes logo cousas: ou que? Cando sentas na misa con Sor Elvira Lecumberi, cando che di de ordenarlle a caixa das agullas, que che di? Algo che dirá. Algo che contará. Algo, dicía Imogen, elusiva. Pero estas cousas levan tempo. Naquilo tiñamos que darlle a razón. Así nos tivo varias semanas (que era lista para aquelas cousas, a cabroa dela); logo empezou a nos contar, sempre aos poucos. Mirade, dicíanos no dormitorio, poñendo voz de saber. Mirade que eles dous xa se coñecían de antes por un irmán de Sor Elvira Lecumberri que é poeta e redactor (igual cós nosos, pensabamos admiradas). Ou pensades que o director dun xornal, e dun xornal como ese ademais, ía vir aquí para lle facer as beiras a unha monxa? Un xornal como que, increpábamola as demais, poñéndonos serias. (Por dentro, non deixaba de nos comer a curiosidade: nós, como Sor Elvira Lecumberri, tiñamos irmáns, e algúns deles eran poetas e redactores, pero: como nos ían dar presentado eles a ningún dos seus amigos, se nós estabamos todo o tempo en Polar? Na casa viamos de pasada algún, pero lles escapabamos, porque non estabamos afeitas a estas con xente). Pois un xornal coma ese, coma ese, dicía Imogen. Ese que ides mercar á tenda do Eliseo en Agromos: ou pensades que non vos ven as monxas cando ides? Ben que vos ven, e aína máis: logo queren ir elas detrás, pero se aguantan. Mirade o que vos digo: o país enteiro quere ir detrás, e vai ir. E o país, cando vaia, non dará a volta como deu Sor Elvira Lecumberri. Cando dicía aquilo Imogen, axitábansenos as carnes dentro da blusa, porque sabiamos que cousas coma esa non se podían dicir, nin dentro de Polar nin fóra. Algunha mesmo se atreveu a dicir en voz algo máis alta da que tocaba: Imogen: a ver se  tiras da boca esas porcalladas, Imogen. Sabemos que o teu avó tiña porcos na corte e os mataba coas mans: xente coma el si que se botaría sen vergoña, sen pensar, a todas esas cousas que ese xornal quere traer a este país. Nós temos máis sentidiño. Imogen estiraba as pernas enriba da cama, volvía sorrir: a porca dela, pensabamos entón.

O que máis nos proía, porén, era decatarnos de que Imogen comezara a mudar: máis o viamos canta máis calor caía de enriba e máis medraban os días. Todo era entón roupa máis fina, máis tempo de luz para pensar ou para se dar conta de cousas. Ao contemplar a Imogen, coas mangas máis arremangadas do normal, as meixelas repoludas, a moitas de nós véusenos por separado ao miolo, formándose como se da nada, as palabras: GIOVINEZZA. GIOVINEZZA. PRIMAVERA. DI BELLEZZA.  Saber non sabiamos o que era, ignorantes como éramos das cousas do século, pero logo cando unha vez nos sentamos xuntas a falar das nousas cousas e comparar, vimos que daquela vez se nos ocorrera a todas o mesmo. Puxémonos a buscar e atopamos, e non haberá que dicir que quedamos todas espantadas: marchamos escopetadas poñernos de xeonllos e rezar na capela, porque daquela aínda pensabamos que unha cousa e a outra eran incompatibles (o de rezar, instintivamente, asociabámolo co que era coñecido e o outro co que non: daquela aínda todo o entendiamos en dicotomías). As monxas non poñían reparo ningún, pero sospeitaban tamén. Tanto rezar, dicía algunha cando nos vía marchar sobre a capela (a flamenca non, a outra) ás tres da tarde, ás once da mañá do sábado, despois de cear. Tanto rezar. Por que non estudan, que para iso está aquí? Estuden, que algo terán que facer coa vida o día de mañá (isto último, que as monxas dicían como ao chou, arrepiábanos e confundíanos: nós sabiamos desde había ben de tempo que en Polar palabras como pasado, presente, futuro, non tiñan sentido, pero as monxas, que levaban no colexio desde antes ca nós, nin o cheiraran. nós o que queriamos facer o día de mañá non o sabiamos, pero o que non queriamos facer si: ser monxas).

Ao decatármonos, demos en confiar xa menos en Imogen; como non nos fiabamos xa do que nos puidera traer, empezamos a observar nós mesmas tamén a Sor Elvira Lecumberri. Andabamos aceleradas, porque nunca nos ocorrera de non nos fiar dunha de nós, e ao comezo custábanos decatarnos do que viamos. Espiábamolas pola ventá que daba ao patio, recolocando os percais no baúl, e, léndolles os labios, acabamos por ver que era Imogen e non a monxa a que dicía: Isto aquí, Sor Elvira. E isto acó. Non ve? E Sor Elvira Lecumberri dicía que si, e facía, e logo volvía colocar como o puxera ela antes e logo volvía colocar como dixera Imogen. Imogen pegábase a ela máis do que facía falta; Sor Elvira vacilaba primeiro, como se lle quixese escapar (e isto nos sorprendía), pero despois volvía se xuntar ben con Imogen ata a seguinte vez. Que traes hoxe para nos contar, insistiámoslle de noite a Imogen (porque queriamos tamén que nos contase ela da súa boca), xa mudadas mentres ela cepillaba no cabelo con parsimonia: ela si que non se aceleraba nada e mesmo se encollía de ombros con despego. Entón, algunhas de nós colliamos os cepillos polo puño, con raiba, como para darlle con eles a Imogen unha malleira nas cachas; outras, por detrás, poñíanlles a estas a man no ombreiro, como pra dicir: Pero que: esperemos mellor a oír o que teña que dicir Imogen, que aquí somos todas de crer nas palabras. Imogen tardaba, pero ao cabo falaba sempre, e sempre tiña que dicir bastante. Preguntábamoslle: A ver que diches sabido dese home. Ela suspiraba e dicía: Moitas cousas, porque, sabedes que? Que Sor Elvira Lecumberri, por moito que se lave e se fregue, non pode toller o olor dese home nin das súas cousas de dentro e de enriba dela. Évos sempre así. Foi coas mamás, será con nós. Sen case pensar, contestabámoslle: Tira esas porcalladas da boca, Imogen. (Algo si que queriamos saber máis daquelas cousas, porque estabamos na idade, pero tamén nos repelían). Tira esas porcalladas da boca e cóntanos o que importa de verdade: como se coñeceron, que lle viu a el Sor Elvira Lecumberri, etc. Iso xusto é o que importa, dixo ela. Importa porque o olor dese home – e agora tamén o de Sor Elvira Lecumberri – é o olor do que ten dentro do miolo: agora pensan e ulen os dous igual, e así é como acabaremos ulindo e pensando todas. Acabaredes: é lei de vida. Isto (o “acabaredes”, sobre todo, o C ben explosivo)  espantábanos sempre. Diciámoslle entón, derrotadas: Boh, Imogen. Boh. Deixa xa a misión: xa non fai falta. Esquece a Sor Elvira Lecumberri. Nós tamén hemos esquecer; non somos xa as de hai catro, cinco meses:  esquece. (Por dentro, o pensamento de deixalo sen máis abríanos as carnes, porque éramos mozas e curiosas, pero o máis importante era facer que Imogen esquecese, para que non nos levase con ela polos camiños aqueles). Imogen retrucaba: Como vou esquecer agora que descubrín o máis importante. Vós ídelo descubrir tamén: en realidade, xa o descubristes, pero de todo facedes con tal de non vos decatar. Dígovos unha cousa: así non se pode andar pola vida.

Aquela noite, cada unha na cama súa, pensamos en todo o que acontecera nos meses anteriores e chegamos todas a unha conclusión semellante: que Imogen abrazara o que traía aquel señor que ela nin sequera coñecía porque era unha persoa sen dobrez que entendía as cousas como lle viñan; que o resto das rapazas e tamén Sor Elvira Lecumberri estabamos máis desenvolvidas por dentro, e por iso pechabamos os ollos con medo a todo o que fose máis grande ca nós, e xusto por pechalos estabamos en perigo de que outros nos arrastrasen con eles. (As monxas nin as contabamos: eran xente ben roma). Pensamos tamén que algo había que facer. Agora estabamos todas un pouco máis preto de Sor Elvira Lecumberri, porque a todas nos levaba Imogen de acó para aló polo colexio adiante como ela quería, aínda simple como era. Estarmos niso preto da monxa aquela dábanos algo de consolo, se cadra o único que tivéramos todos aqueles anos en Polar.

Aqueles días empezaba tamén a primavera, que chegara algo antes do normal:  xa o un, o dous, o tres de marzo, andabamos aceleradas, pinchándonos con máis forza ca nunca aquel cantaruxar que nos saíra de ver a Imogen: GIOVINEZZA. GIOVINEZZA. PRIMAVERA. DI BELLEZZA. (Teimabamos en pechar o oído de dentro e non dabamos feito: decatbámonos de que había algunhas cousas que nin sabiamos facer nin iamos aprender xa). Había tamén as cousas de todos os anos: a teima por írmonos, por fin, bañar á poza, despois de xuntar calor, por dentro e por fóra, o inverno todo. Imogen veu connosco se bañar, e pasou que naquelas horas volvemos pensar que era unha de nós. Isto pensabamos cando na poza lle observabamos a carne, igual cá nosa, repetimos unhas cantas veces para dentro mentres cociamos na auga: mesmo aqueles días primeiros de calor, estaba máis que morna e pouco nos aliviaba os calores. Rematou de se bañar, saíu da poza espida, secouse coa toalla ben preto do corpo e sorriu. Acabou aí outra vez o pensar que era coma nós: porque nós, en Polar, todo o faciamos serias, e era ese o xeito que tiñamos de sobrevivir. (En Imogen, mesmo cando non ría ou sorría, había unha alegría que non era nosa: non era a alegría das rapazas de Polar.)

De volta todas en Polar, uns días si que demos tirado para adiante. Tiñamos horror de pensar que era o que habería que facer: porque non podiamos quedar como estabamos, pero facer algo tampouco se nos daba. Cruzámonos un día co señor de Agromos de camiño para as tendas, e nin nos inmutamos: así lle estaban as cousas. Igual poderiamos tirar así varios anos, ata que nos tocase a todas marchar de Polar, se non fose por algo que pasou cando aos catro, cinco días vimos a Imogen saír da aula de costura de Sor Elvira Lecumberri. Foi como se a volvésemos ver espida igual que saía da poza. De alí a un pouco vimos aparecer detrás a Sor Elvira Lecumberri: desta vez non viña pálida, senón encendida. Tiña ademais pinta Sor Elvira Lecumberri de poñerse así de colorada porque Imogen viñese de de quitarlle algo que ela quería moito: o que máis quixese no mundo (que nós non sabiamos tampouco que era). Torcemos a mirada para dentro de nós: nunca tiñamos visto a ninguén acenderse así. Namentres, á porca de Imogen dera en rir: en subindo pola escada cara ao dormitorio, miraba para nós, miraba para Sor Elvira Lecumberri e escachaba coa risa. Apareceu entón Sor Mártara a Nova arriba de todo da escada. A ver que fan aí a apampar, dixo: vaian lavar a cara e as mans, que logo lles toca cear. (Pensamos que nin debeu ver a Sor Elvira Lecumberri: estaba entrenada para vernos só a nós, dicirnos en que andabamos en falta). Obedecemos: fomos nos lavar, tiramos para adiante, volvemos facer as cousas nousas. Para o outro día xa estaba Sor Elvira Lecumberri coma sempre, guiándonos no dar puntadas e irritándose un pouco cando non as dabamos ben (pero que pespuntes me andan a facer, dicía: pero que). Non dabamos feito, porque por dentro andabamos a pensar: Hai xa que facer algo. A ver que vai ser o que poidamos facer. A resposta única que se nos ocorría era: facer o de sempre; seguir co de sempre; ir nos bañar á poza; que as cousas vaian por onde teñen que ir. As monxas algo debían notar. A ver, que se ve que andan algo arrefriadas, algo encollidas, algo conxestionadas, dicían ao vernos pasar polos corredores para o comedor, para o dormitorio, para as duchas comúns. Andan algo conxestionadas e para esas cousas nunca vai ben a auga: mellor será que para o sábado non vaian á poza. Nós botábamonos a tremer: de medo, e as monxas, con iso, envalentonábanse. Pero non ven o calafrío que as acaba de cruzar de abaixo a arriba, que ben vimos como lles chegaba ata a punta do cabelo, dicían: se as vemos estremecer mirando desde o terceiro piso para o patio abaixo. A próxima vez que as vexamos, teremos que mandalas á enfermería con Sor O’Malley, que para iso está. Nós poñíamonos ben dereitas, afoutas, e corriamos polo patio adiante. Mesmo dábamos en pelexar as unhas coas outras, para facer ver que nunca tan fortes estivéramos, mazándonos nas carnes co puño pechado, e así, de paso, botabamos para fóra tamén o que se nos cocía dentro. Non lle teremos que dicir que a Imogen, daquelas veces, nin nos achegábamos: aí estaba soa, a cabroa dela, e sorría e calaba como se nada lle importase.

Chegou logo o sábado; pola mañá tiñamos a hora que lle chamaban de estudo, e case toda a pasamos a mirar da fiestra para fóra (estudo, xa se dará vostede conta era un poñer: moitas liamos novelas ou escribiamos cousas de nós. As que estudaban facíano cunha devoción que non sabiamos de onde colléramos: das monxas non, xa lle dicimos). Fomos xantar cando tocaba e cando rematamos foi como se a luz do día nos tirase para fóra, cara á poza, pero aquilo, se o pensamos ben, era o que pasaba sempre. Baixando pola corredoira pina, miramos para atrás para ver se viña Imogen camiñando connosco: camiñaba, viña, e entón, a cada unha por separado, algo nos pinchaba no corazón, porque se Imogen camiñaba connosco sería que algo aínda era tamén nós. Chegamos ao pé do outeiro, collemos para a poza: xa daquela iamos pensando que igual fora Imogen parte de nós antes, pero non agora (porque en Polar era difícil pensar o presente, logo o pasado, logo o futuro). Así, quecéndonos o sol, chegamos á poza; ao primeiro andamos todas ocupadas a nos espir e a nos admirar de como o sol nos entraba pola pel. Fomos para auga; chapoteamos, mergullamos as cabezas e volvemos saír, como facíamos sempre. Pareceunos tamén que estaba a auga máis quente que de normal. Estabamos, logo, xa todas na auga e vimos que Imogen non; miramos entón para a terraferma e vímola camiñar cara a nós. Alí viña sorrindo, coa pel brillándolle como se a trouxese cuberta de escamas, a cabrona dela. Haberános desculpar, pero: a cabrona dela, aló viña como se fose superior ao resto de nós: e era.

Como lle podemos contar o que pasou? Non lle imos dicir máis que a verdade: que, cando a vimos, aló nos botamos todas enriba dela; unhas enriba e outras debaixo. Non crea que o tiñamos tampouco pensado así: isto foi que de dentro de nós saíu aquela forza primeira que tiñamos dentro e que criamos que non, pero Imogen sabía que si. Tamén lle dicimos que coidamos que aquel día botamos fóra de vez todo o que tiñamos daquilo: xa non cremos que nos volva saír nunca máis.

De volta en Polar, metéronnos as monxas de urxencia a todas no salón de actos; contamos, e as monxas a todo nos dixeron que si: tamén é verdade que outra cousa non ían facer. Mírenme ben, dixo Sor Mártara a Nova ao rematarmos: están seguras de que dixeron todo o que tiñan que dicir? Dixemos, Madre. Como non lle iamos dicir, Madre. Pois será así logo: vaian agora descansar, e, se algunha non dá feito, que vaia canda Sor O’Malley e que lle faga unha cunca de English breakfast tea. Mañá xa pasou todo. Pasou, Madre, dixemos como un eco, e marchamos. Coidamos que no corredor andaba agachada Sor Elvira Lecumberri, mirando para nós. Nin ladeamos a cara para mirala. Aí nos decatamos que o interese que tivéramos por ela perdéramolo todo: estabamos na idade.

Portrait of Eva Moreda

Eva Moreda was born on the northern border between Galicia and Asturias in 1981. She has been active actively publishing novels in Galician since adolescence and is currently a professor of musicology at the University of Glasgow.

Trafika Europe